Sunday 28 de April de 2024

Comezan as obras de saneamento en Servia


 

Os traballos inclúen a execución de novos colectores de augas residuais e pluviais na localidade, así como a construción dunha depuradora xunto ao río Vilacoba

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, celebra o inicio das obras de saneamento en Servia (parroquia de Vilacoba), que executa dende o pasado luns a empresa Excavaciones Darío SL. Uns traballos que están incluídos nun proxecto máis amplo, que contempla tamén o saneamento das localidades de Filgueira e Seixido (parroquia de San Xoán de Lousame), e que é froito dun convenio asinado en xullo de 2016 por Augas de Galicia e o Concello de Lousame.

Teresa Villaverde explica que “esta semana iniciamos as obras do saneamento en Vilacoba, despois de conseguir o permiso de Augas de Galicia e que executa unha empresa da zona. No caso do Seixido, estamos pendentes dunha autorización da Deputación porque hai un quilómetro que transcorre pola estrada provincial e que agardo que estea listo para poder empezar o antes posible”.

Así, as obras que comezaron esta semana en Servia dotarán a esta localidade de novos colectores de augas residuais e pluviais, co obxecto de conseguir que a maior parte das vivendas poidan verter as súas augas fecais a unha rede de saneamento separativo para o seu posterior tratamento. Para iso contémplase a construción dunha estación depuradora de augas residuais nunha parcela próxima ao río Vilacoba, dimensionada para o total da poboación da localidade.

O proxecto construtivo para levar o saneamento a Servia está incluído nun convenio máis amplo asinado coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por un importe de 200.000 euros. Un proxecto adxudicado por Augas de Galicia por 113.487,92 euros (+IVE) e que será financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.